Hoxe,  
 Os Milagres da       Amil
 Santuario dos       Milagres
 Romaría dos       Milagres
 Calendario de      actos relixiosos
 Fotografias
 Contacto
Ver a nosa axenda

O SANTUARIO DE NOSA SEÑORA DOS MILAGRES DA AMIL

Orixes do santuario

A capela na que se honra a virxe dos Milagres xurdiu como tal na segunda metade do século XVIII, a partir dun sinxelo e inxenuo acontecemento segundo o cal un humilde labrego e arrieiro da Amil, Sebastián de Castro, logo de encomendarse á virxe, descobre un manancial de auga coa forza suficiente como para moer un muíño. Apoiándose neste feito, mandou tallar unha imaxe, que foi denominada dos Milagres, e levantouse unha ermida en 1780. Esta orixinaria construción foi reconstruída no século XIX, entre 1845 e 1869, e deu lugar á capela que hoxe coñecemos.

Descrición do santuario

O actual santuario da Amil foi proxectado polo mestre canteiro Manuel García Martínez, de Soar (Moraña). É de planta centrada -neste caso, octogonal- e de estilo neoclásico, con muros de granito e coa cuberta de lousa. Ten tres portas de acceso, as tres alinteladas. A principal, con moldura, enmárcase nun fermoso pórtico, flanqueado por dúas columnas e rematado nun frontón. Sobre el levántase a torre do campanario, realizada ó modo barroco e de dous corpos. Non falta o elemento propio dos grandes santuarios marianos: o camerino, onde se enmarca a imaxe barroca de grandes dimensións da virxe co neno.

No interior da capela pódense observar tamén dous grandes murais do pintor Rafael Úbeda. O muralista, gravador e debuxante pontevedrés é o único artista español que integrou o famoso grupo Zebra, referente fundamental da arte expresionista en España. Os seus cadros buscan a relación do mundo dos sons cos das cores. Os murais de Úbeda da capela dos Milagres son coma Amil, coma a romaría: unha festa.

No contorno da capela, construíuse ademais unha grandiosa escalinata de acceso ó santuario, tamén de granito. Fíxose entre os anos 1948 e 1952. Na súa construción colaboraron os veciños e veciñas da Amil. Ó pé desta magna obra está enmarcada a primitiva imaxe dos Milagres e a fonte da Virxe.

Localización

O santuario dos Milagres localízase na parroquia da Amil, no concello pontevedrés de Moraña. Enmarcado no coto da Chan, o lugar está rodeado de zonas verdes e de lecer. Destaca a súa centenaria carballeira, as fontes e un amplo cuberto que acolle xuntanzas diversas. Na actualidade estase construíndo un novo cuberto, de granito. Deste xeito, ampliarase a extensión do Campo da Chan.

O acceso á capela pódese facer a pé, pola monumental escalinata que ten á fronte, ou en coche. En automóbil, hai que entrar polo lateral esquerdo, por onde se fai a festa.

Festas da amil Historia da amil Asociacións da amil Axenda da amil Como chegar a amil Guía gastronómica da amil Guía de empresas da amil retroceder unha páxina Voltar ao inicio Galería fotográfica Ligazóns de interese Contacte con nós