O MONTE COMUNAL: UNHA RIQUEZA DOS VECIÑOS

Carlos Morgade

A definición

Os montes veciñais son unha propiedade especial. Pertencen ós veciños como grupos sociais, isto é, como persoas que viven nun espazo determinado (lugar ou parroquia) e que os veñen aproveitando tradicionalmente en común. Os veciños, organizados nunha comunidade de montes, teñen capacidade xurídica para a defensa e xestión do monte, así como para o seu uso e aproveitamento.

morgade

Os veciños son propietarios do monte como colectivo, sen que se poida establecer a parcela que lle corresponde a cadaquén. E a propiedade está xunguida indisolublemente á veciñanza, é dicir, cada veciño é copropietario mentres é veciño. Cada novo veciño tamén pasa a ser copropietario do monte cando ten casa aberta. Pola contra, cando alguén traslada a súa residencia a outra parroquia, deixa de ser comuneiro. Estas propiedades non se poden deixar en herdanza, senón que pertencen sempre ós veciños que en cada momento haxa no lugar ou parroquia. Por iso os montes veciñais foron cualificados como unha propiedade “rara”, distinta do resto das propiedades; son “outra forma de posuír”, como se ten dito para salientar o seu carácter xermánico, que non concorda co noso ordenamento xurídico, herdeiro do dereito romano. Soamente en datas recentes foi recoñecida esta peculiaridade polo dereito civil de Galicia e, en consecuencia, foi incorporado ó noso corpo lexislativo.

As características

Imprescritibilidade, indivisibilidade, inembargabilidade e inalleabilidade.

A imprescritibilidade garante a súa permanencia no tempo, a súa falta de caducidade, mesmo aínda que non sexa xestionado polos veciños. Esta é unha das súas características propias, como o son outras máis: a súa indivisibilidade, isto é, a prohibición de dividilo e repartilo, aínda que se poden facer usos distintos en cada parcela; a inembargabilidade, é dicir, os veciños nunca perderán a súa propiedade, aínda que teñan débedas; e a inalleabilidade, que quere dicir que non se poden vender, porque os montes veciñais están fóra do mercado.

Estas características específicas do monte veciñal, equiparables ás dos bens públicos, son as que garanten a función tripla do monte veciñal: económica, social e ecolóxica.

Os problemas actuais

Estas terras teñen que afrontar actualmente unha chea de problemas de diversa índole: problemas cos deslindes; coa servidume de liñas eléctricas, antenas de medios de comunicación e outras; co gando ceibo; coas canteiras; coas explotacións forestais; coas cesións de uso ás diversas administracións; coa clasificación de parcelas; coas axudas á repoboación; coa caza; cos parques eólicos; cos polígonos industriais… A administración do monte veciñal é complexa e dificultosa, agravada pola falta de experiencia neste modelo de xestión. Moitos son os retos que hoxe teñen diante de si as comunidades de montes.

Malia o anterior, o monte veciñal supón unha riqueza importante para os veciños, non sempre recoñecida. Onte, hoxe e no futuro, as terras do común teñen importantes funcións que cumprir: económicas, sociais e ecolóxicas.

As funcións no pasado

Primeiramente, cumpría unha función económica. O monte veciñal proporcionaba unha inxente cantidade de recursos para o sostemento económico das familias como alicerce do seu sistema agrogandeiro.

En segundo lugar, tiña unha función ecolóxica, ligada á función económica e modelo do que hoxe se chama “explotación sustentable”. Todas as prácticas comunitarias ou individuais eran desenvolvidas de xeito que non supuxeran a degradación do monte nin o seu espolio, pois facíanse con diversificación e rotación de usos; porque sabían ben que no bo facer desas prácticas estaba a supervivencia.

Finalmente -pero non menos importante-, o monte cumpría unha prominente función social, pois era aprovisionador de terra, de parcelas para necesitados, de espazo de lecer e cultura…

As funcións no presente

Estas tres importantes funcións -económica, social e ecolóxica- segue a cumprilas hoxe. Economicamente, continúa sendo fornecedor de esquilmo, de leña, de pasto, de canteiras e doutros produtos.

Socialmente, ademais do antedito, as comunidades de montes xogan un papel cohesionador da parroquia, pois é o único exemplo de democracia directa que hoxe conservamos, na que os veciños se fan cargo directamente dos problemas da veciñanza. A asemblea xeral de comuneiros é o auténtico órgano de decisión da comunidade, a que dispón verdadeiramente o aproveitamento dos montes. Ademais de ser abastecedor frecuente de parcelas para equipamentos públicos -sen perder a propiedade-, a súa significación cultural é apreciable ó ser acolledor de importantes elementos do noso patrimonio histórico, como restos de castros, mámoas e antas, petroglifos, cruceiros, muíños, petos de ánimas e outros.

Ó cabo, a función medioambiental non é hoxe menor, pois segue a acoller unha boa parte do patrimonio natural galego e, en especial, aqueles elementos constitutivos das paisaxes máis características da nosa terra, sen esquecer outras funcións transcendentais ou a súa relevancia na ordenación do territorio.

¿Quen pode obviar o importante servizo que prestan as masas forestais coa absorción da contaminación ambiental e o abastecemento de osíxeno ás vilas e ás cidades? ¿Quen ignora a importancia do monte veciñal como regulador do ciclo da auga a través dos mananciais que acolle, que alimentan un milleiro de traídas e que fornecen deste recurso a poboación alí onde os presupostos municipais non chegan? ¿Quen pode pagar o servizo prestado polos centos de miles de hectáreas dos que hoxe gozan en Galicia todos os veciños, cidadáns, visitantes e turistas no seu tempo de lecer ou para practicar deporte? O monte veciñal sempre estivo aberto a estes fins, hoxe que a propiedade privada é cada vez máis partida, máis pechada e máis murada. ¿Quen pode dicir que os comuneiros lle cobraron por ir coller ó monte leña, cogomelos, amoras, piñas ou tantos outros proveitos?

As funcións no futuro

Ademais de seguir cumprindo as funcións que acabamos de apuntar, os nosos montes poden contribuír de xeito esencial ó desenvolvemento local. Nun mundo como o actual, no que a economía local das zonas rurais está en crise, no que a poboación rural vai minguando en favor das superpoboadas áreas urbanas, o monte veciñal pode ser a peza principal deste desenvolvemento.

Os camiños son variados e moitos aínda están por andar. Compatibilizando todos os usos do monte, poden establecerse novas relacións co sector agrogandeiro e forestal, co turismo rural, coa artesanía e con outros usos dirixidas ó establecemento de novas empresas que, baixo o formato de cooperativas ou doutras sociedades, fomenten a creación de emprego e axuden a evitar o éxodo dos nosos mozos e mozas cara ás zonas urbanas.

Deste xeito, o monte veciñal contribuirá á chamada economía social como ente asentado no medio e potenciador dos valores socioeconómicos de cada concello ou comarca. Isto obriga a un diálogo e entendemento necesarios entre diversas entidades locais, empezando polos concellos e as comunidades de montes. Hai que lembrar que, sexa cal sexa o uso que se lle dea ó monte, os veciños deben seguir conservando a súa propiedade.