MOVEMENTO AGRARIO EN AMIL

artigo

José Casal Porto

A parroquia de San Mamede de Amil ocupa a parte máis ó sur do concello de Moraña. Está rodeada e illada polo sur e mais polo nacente pola serra do Acibal, e separada da veciña parroquia de Rebón polo río Gundeiro e o seu fondo val. Hai anos, no Antigo Réxime, conformaba unha xurisdición á parte, que tiña a súa capital ou coto no lugar de Vilacova. Esta situación xeográfica, os desastrosos camiños de anos atrás e a súa condición de xurisdición propia, mantida deica a constitución dos concellos en 1836, pode que explique esa certa resistencia dos seus moradores e veciños a pertencer ó Concello de Moraña.

O Catastro do marqués De la Ensenada dános conta da súa organización social e política aló polo 1750 e fala ben claro de que os seus veciños tiñan máis comercio con Pontevedra ca co resto de Moraña ou con Caldas. Madoz, no seu dicionario xeográfico, cóntanos o dificultoso que era o transito polos seus camiños…

Chegados a este punto, teriamos que aventurar como estaba socialmente a parroquia a finais do século XIX. Nesa época, coincidindo co desastre colonial e coa pobreza económica do momento, media Moraña cruza o Atlántico na busca de mellores saídas en Arxentina e noutros países de América do Sur. Mais non parece que fosen os veciños de Amil os máis tendentes á emigración de todo o concello, nin moito menos. Ó parecer, eran máis comúns os casos de cuadrillas de traballo que saían a traballar ás cidades ou mesmo fóra do lugar, cada día ou por temporadas curtas, como canteiros, xornaleiros, carpinteiros ou calquera outro oficio que fose necesario.

Nesta época danse en Moraña os primeiros intentos de organización labrega. Eran as chamadas Sociedades Agrarias, que na súa orixe tiñan o obxectivo de ser algo parecido a un sindicato agrícola pero que os veciños usaban como sociedade política contra do poder e das falcatruadas dos caciques e mais do concello. As primeiras tentativas de organización fracasaron moi cedo. No terceiro intento, alá polo ano 1916, fúndase a Sociedade de Agricultores de Moraña, que medra como a espuma e ata consegue gañar nas eleccións a concelleiros, polo que chega a acadar a alcaldía na persoa de José Calviño Cobas, veciño de Amil, que volvera da emigración en Arxentina. A andaina desta sociedade non sempre foi doada, a pesar de contar co apoio dun xornal como foi El Bólido e mais da Sociedad pro Agraria de Moraña dos emigrantes do concello en Bos Aires, entre os que se atopaban os oriúndos de Amil Manuel Barros, Ramón Castro, José Durán, Manuel Ferrín, Agapito González, Ramón Núñez, Ramón Piñeiro, José Ramón Rodríguez, Claudio Ruibal, Manuel San Luís, Ramón Souto, Gumersindo Suárez, José Vázquez Núñez e Ramón Villaverde.

Xa a finais do ano 1917, catro persoas de Amil e Rebón (Manuel Gamallo, Manuel Suárez, José Sayáns e Victoriano Novas) firman un artigo na prensa de Caldas, manexado por Amador Ruibal, no que se defendían da acusación de “rabaño de ouvellas” coa que eran inxuriados os amilenses nun artigo do xornal El Bólido.

No ano 1920 chegan as primeiras liortas entre os agrarios por mor da política de apoios ó deputado Sagasta. En Amil e Rebón álzanse as voces máis discordantes en contra do dito apoio, que vai camiño dunha rotura. Desta situación quita proveito o xastre José Ruibal Alende, que consegue ser nomeado presidente da sociedade Oficios Varios nun intento por parar a separación dos da Choza. Non foi posible, xa que os veciños de Amil e mais de Rebón pensaban que os dirixentes da sociedade se venderan o señor Sagasta a cambio de que este os perpetuase nos cargos do concello, o que os convertería nos novos caciques de Moraña.

Para o resto das sociedades agrarias do partido de Caldas, os feitos eran entendidos como unha traizón duns poucos dirixentes contra a vontade dun pobo. Estes razoamentos foron ben expresados en senllos escritos: un titulado “Manifiesto de la Sociedad de Labradores del Sur de Moraña”, que serviu como declaración de escisión da Sociedad de Oficios Varios, e outro, “A Moraña, la valiente y la leal. Abajo los traidores. A la lucha siempre.”, firmado polo resto das sociedades do distrito.

A primeiros de xaneiro do ano 1921, unha comisión formada por Emilio Fernández e mais por Ramón Ruibal presenta diante do gobernador civil o regulamento da nova sociedade.

Durante ese ano altérnanse as críticas e os intentos de amaño entre a sociedade de Oficios Varios e mais a do sur de Moraña, pero xa non foi posible a reconciliación.

No ano 1923 instaurase a ditadura de Primo de Rivera e aínda que as sociedades agrarias seguen a funcionar, fano soamente dun modo apolítico. Así, solicitan melloras nos camiños e axudas agrícolas, como deixa constancia a solicitude da sociedade do sur de Moraña ó concello no ano 1925. Nos anos seguintes, cesaron na súa actividade todas as asociacións morañesas.

Coa primavera do ano 1931 chegou a República, e constitúense as xuntas republicanas municipais. Saen elixidos: Cesáreo Durán, presidente; Ricardo Gago Vázquez, vicepresidente 1º, e Manuel Barros Bugallo, vicepresidente 2º. Con estes integrantes e cos mesmos cargos constitúese a corporación. No concello non hai cartos. Agora estanse a pagar parte dos preitos sostidos hai anos contra o secretario e mais contra o depositario do concello, e para afrontar os pagos é preciso facer novos “Repartimientos”. Para ir amañando a falla de presuposto póñense á venda terreos de monte comunal en Santa Lucía.

Mentres isto sucede, as sociedades agrarias estanse a reorganizar trala pasada ditadura de Primo de Rivera. Da primeira que temos novas é da Sociedad de Labradores del Sur de Moraña, que en setembro de 1931 lle dirixe un escrito ó concello no que lle solicita que non se cambie arbitrariamente o sistema de recadación de “arbitrios” polo de “repartimento” e, en todo caso, que se teña en conta a opinión do pobo de Moraña. O concello acepta tal proposta e convoca ós cabezas de familia a unha elección democrática de sistema entre .

Logo destes primeiros intentos, xorden con forza e con ánimo de unificar posturas e de levar ó concello propostas conxuntas. Así o testemuña unha comunicación interna coa que se informa ós delegados da zona sur:

“Señor delegado:

La “Sociedad Labradores del Sur de Moraña”, en acuerdo con la de “Oficios Varios” del mismo, convoca a todos los asociados y no asociados a junta general en nuestro local social a las dos de la tarde en punto; para de allí partir a la asamblea magna, que se celebrará en el local de “Oficios Varios” a las 4 de la tarde para tratar de asuntos de interés municipal el 21 de agosto de 1932.

Moraña, 19 de Agosto de 1932.”

Seguen as sinaturas do vicepresidente en funcións, José Ruibal Alende (o presidente era Saturnino López) e mais do secretario, José Lores. Debaixo asinan os delegados dos lugares seguintes: da Torre de Abaixo, Manuel Ruibal N.; da Picota, Serafín García; do Apedrado, Ramón Barros López; de Vilacova, José Mª Fontenla; de Soar, Ramón García; de Cosoirado, Casimiro Núñez; de Castro, Victoriano Novas; do Calvo, Ramón Calvo; de Rebón de Arriba, Juan Rey Gamallo; de Sorrego, Andrés Ruibal, e da Torre de Arriba, Antonio Núñez.

Na dita asemblea magna redáctase un longo escrito, dirixido á corporación municipal, no que se queixan da excesiva presión recadadora do concello provocada pola mala xestión das corporacións anteriores. Recomendan mellorar o cobro de arbitrios nas feiras e baixar os gastos de persoal do concello.

En agosto de 1933 hai unha nova e curiosa proposta conxunta:

•  Protesta enérxica polo cobro dun novo “déficit”

•  Propoñen que se poña á venda a casa consistorial, para paga-las débedas do concello e construír unha nova no centro do municipio co diñeiro restante.

•  Que se trate de solucionar o conflito co recadador de contribucións.

•  Que este concello facilite o traspaso do cuartel da Garda Civil para Cuntis ou, do contrario, que Moraña pague a metade dos gastos.

•  Que o veterinario e mais a comadroa fixen a súa residencia en Moraña, ou que se supriman as súas prazas se non o fan.

•  Que la Recadación de Consumos e demais empregos municipais saian a concurso ou a presuposto.

•  Que as autoridades locais traten de velar polo cumprimento da xornada de oito horas e que se vixíe e se prohiba o traballo dos menores de idade.

•  Que o cobro de tributos na feira saia a poxa ou que se deixe libre.

A discusión destes puntos no concello acalórase ó chegar ó tema da venda da casa consistorial. Sete concelleiros estarían a favor, se o prezo excedera as 40.000 pesetas, mentres que só tres expresan a súa indignación ante tal pretensión. Saturnino López, José Jimenez, Juan Pereira, Manuel Folgar, Agustín Fariña, Manuel Bugallo e Marcelino Redondo consideran que con 40.000 pesetas pódese construír unha nova no centro xeográfico do concello e aínda pagar débedas. O alcalde Emilio Díaz, Cesáreo Durán e mais o señor Campos din que chegar a tal situación sería unha vergoña para todo o pobo de Moraña. Neses momentos, o salón de plenos está cheo ata os topes e moitos agrarios ocupan toda a estrada entre o concello e a casa de Polonia. Ó remate da sesión, xa de noite, alguén prende lume na porta da casa do concello. Botáronlle as culpas á sociedade, motivo polo que a Garda Civil detén a directiva da Sociedad de Oficios Varios para comparecer ante o xuíz. Unha segunda detención ós poucos días pódese dicir que provoca un motín contra da Garda Civil en Santa Lucía.

O triunfo da dereita nas eleccións do ano 1933 fixo que as clases traballadoras foran tomando conciencia da necesidade de organizarse politicamente. Esta tendencia xeral tivo en Moraña dúas vías ben distintas. A evolución sufrida pola Sociedad de Oficios Varios, na que tiraban con forza as xuventudes socialistas, levouna a integrarse no sindicato UGT, dentro da sección “Trabajadores de la Tierra”, e foi o seu presidente durante estes anos Joaquín Búa. Pola contra, a Sociedad de Labradores del Sur tomou un camiño ben distinto. Os homes máis politizados da sociedade -José Saa Montáns, Manuel Ruibal Souto, José R. Pereira Valiño-,que formaban o chamado Comité Republicano de Amil, tomaron a determinación de afiliarse a CNT. Deste xeito, esperaban ver facilitado o traballo de permisos de mitin, candidaturas electorais etc., e tomaron o nome de Unión Obrera del Sur de Moraña.

A pertenza a sindicatos de tendencia socialista o primeiro e anarquista o segundo non foi impedimento para un bo entendemento, pois en moitas ocasións chegaron a presentar no concello escritos ou mocións conxuntamente. Nunha destes escritos, solicitan a revisión das contas do concello nada menos que desde 1918 ata 1933.

Non temos máis datos directos sobre as sociedades ata despois do golpe de estado do xeneral Franco, aínda que si algún indirecto: en abril de 1936, o gobernador civil ordena unha renovación de concelleiros e nomea, entre outros, a Cesáreo Durán como alcalde, a Joaquín Búa (presidente de Trabajadores de la Tierra) e a José Montáns (vogal da Unión Obrera del Sur de Moraña).

En abril do ano 1937, un ano despois do alzamento militar, o xuíz de Caldas Gabriel García, que era quen instruía un expediente administrativo de responsabilidade civil, por orde da Comisión de Incautación de Bienes na provincia, solicítalle ó Concello de Moraña información sobre as directivas, locais e outros bens que pertencesen ás sociedades integradas no Frente Popular a partir da convocatoria de eleccións, celebradas o 16 de febreiro do 1936.

O alcalde de Moraña contéstalle que na chamada Casa del Pueblo de Alende, da que fai unha pequena descrición, funcionaba a sociedade Trabajadores de la Tierra. Continúa o escrito e nel di que na parroquia de Amil, na casa (“A Longa”) propiedade de Felicita López, tiña a súa sede outra sociedade, chamada Unión Obrera del Sur de Moraña, federada na CNT de Pontevedra, e que a directiva estaba formaba por: presidente, José Saa Montáns; vicepresidente, José Mª Gago López; secretario, Manuel Ruibal Souto; vicesecretario, Ricardo Gamallo Ruibal; tesoureiro, Ramón Montáns Fuentes; contador, José Ramón Pereira Valiño; vogais, José Montáns Ruibal, Ramón Villar Fontenla, Gerino Ruibal García, Ramón Ruibal Ruibal…

Así remata a historia das sociedades agrarias neste concello, coa confiscación dos seus bens polo estado fascista e mesmo instruíndo procesos penais contra algúns dos seus directivos.