MIL HISTORIAS QUE DICIR DA AMIL

Héitor Picallo Fuentes

Mil cousas se poderían dicir da Amil e mil tantas máis das aínda descoñecidas, acubilladas con inmenso celo no interior de poeirentos atados e nas borboriñadas voces dos nosos maiores –cada vez máis silandeiras–. Quizais as orixes desta freguesía se poidan atopar na cerna da Alta Idade Media, aínda que os testemuños que nos dan conta da súa realidade vital comezan a aboiar na primeira metade do s. XIII, cando a potentada liñaxe dos Chariño-Maldoado (proxenitora ou emparentada con aquel trobador e almirante maior da mar don Paio Gómez Chariño) ciscou por estas terras parte do seu gorentoso patrimonio, algún del cedido baixo dádiva á comunidade regular da Armenteira (Meis), o que axudou a que os desta familia puidesen esculpir os seus sartegos neste mosteiro, embelecéndoos coas cinco flores de lis do seu brasón.

Posuía Amil dende aquela, e talvez xa dende moito antes, unha identidade propia, diferenciada da do resto do actual Concello de Moraña co que permanece ligada desde …. O seu señorío naqueles tempos do baixomedievo aparece gobernado polas casas irmás de Aldán (Cangas) e Sebil (Caldas de Cuntis), e non tanto así coa de Montaos, que foi a rexedora durante o século XV e toda a Idade Moderna da xeografía de Peñaflor (o que hoxe coincidiría cos concellos de Moraña, Barro e Portas, basicamente).
Ata a creación dos “Ayuntamientos Constitucionales”, Amil foi unha freguesía e couto xurisdicional dependente da amentada casa de Aldán, e dende mediados do século. XVIII e ata os albores do XIX dos marqueses de Santa María do Vilar.

É, con isto, que non nos sorprende ao batermos con topónimos como os da Torre de Arriba, a do Medio ou a de Abaixo, que ofrecen o último rescaldo dunhas realidades históricas e arquitectónicas que hoxe pereceron case que da memoria; mais cómpre rescatarmos os testemuños documentais, antropolóxicos, etnográficos, históricos e culturais que fixeron desta parroquia un espazo de marcada personalidade e, como vemos, non só paisaxística ou costumista, do que gusta de ser realidade e motivo de fachenda igualmente.