HISTORIA DA BAIXA DAS BESTAS DA AMIL

logocabalarFalaban os nosos antepasados da baixa das bestas ós currais: ó da Picota, ó de Vilacova, ó de Rebón de Baixo. Eran coñecidos o do Quinteiro, o da Proxeira, o de Gloria, o das Parrandas.

As manadas de bestas cos seus ghriñóns (garañóns) eran baixadas desde a serra do Acibal ós currais das aldeas. Alí os apeitadores collíanas para arrocalas e marcar os bichos para logo volvelos soltar e que o monte os fixera cabalos ou bestas. Cando os bichos estaban apartados e a salvo de seren esmagados por todas as manadas, os apeitadores comezaban a montar e a dominar os cabalos bravos -os de dous ou tres anos- que nunca foran atados. Despois quedaban nas casas, amansábanos e empregábanos nos labores do campo (gradar, sementar, sachar), como medio de transporte, ou ben para ter un ingreso extra vendéndoos nas feiras, feito que antano moi común na comarca. Tamén se montaban, dominaban e arrocaban os ghriñóns ou as bestas que tiñan as xenas moi longas, para que así estivesen máis protexidas do lobo e ter tamén menos risco de quedar enleadas ó rascarse contra as árbores. Algunhas xenas vendíanse finalmente para facer pinceis.

rapa8 rapa9Alá polos anos corenta do século XX, sofren os animais un forte revés debido á repoboación forestal e ás actuacións do Icona (Instituto Nacional para a Conservación da Natureza). Acoutóuselles ós animais as zonas para pacer, o que obrigou os veciños a sacar o gando bravo do monte, porque invadían as plantacións. Houbo xente que deixou as bestas e os cabalos no monte, pero minguaron as cabezas de animais. A pesar dos contratempos, as bestas seguiron no Acibal, pero non se baixaron ata a Amil poboada polo home todos os anos. En ocasións, porque non había bichos polas matanzas dos lobos e outras veces porque non había sitio onde facelo.

A partir do ano 1965, establécese o curro no campo da Chan e baixábanse as bestas o domingo seguinte ó 8 de xullo desde as Brañas ata a carballeira dos Milagres. Isto supoñía para os animais un malestar moi grande: cinco quilómetros de percorrido por pistas que desde os vinte últimos anos xa están asfaltadas. As precarias condicións do curro, montado para a ocasión, eran tamén un perigo para os animais e para a xente que viña a velo.

baixa2No 1983 fórmase a Asociación Cabalar Monte Acibal. Andando os anos, os seus socios valoraron, por un lado, a plasticidade da baixa e, por outro, o benestar das bestas. Por suposto, optouse en boa lóxica polo ben dos animais. Desde o ano 1996 faise todo nas Brañas (Pastizal), nunha paraxe de 19 hectáreas de terreo da parroquia da Amil, en pleno monte Acibal, moi preto do Marco da Estada, onde se unen os concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro e Moraña.

Desde aquela, todos os anos, na fin de semana seguinte ó domingo 8 de xullo, faise o curro da Amil, a Baixa das Bestas. O venres e o sábado pódese gozar da natureza correndo e paseando polos montes, vendo restos arqueolóxicos como a estatua menhir coñecida como Cara de San Pedro, divisando as tres Rías Baixas. Tamén se pode axudar a xuntar as manadas e metelas nesta paraxe de ilusión que son as Brañas.

O sábado e o domingo, rememorando os nosos vellos, no novo curro os apeitadores montan, arrocan e marcan as bestas e cabalos. Demostran como con maña, forza e peito, ó máis puro estilo dos noso antepasados, se poden dominar entre dous ou tres homes -ás veces, máis- os cabalos. Parece como se o tempo se parase e retrocedésemos ó pasado. Un apeitador salta enriba do animal e dá unhas voltas, mentres que outro lle colle o rabo e outro máis lle agarra a cabeza e lle tapa as ventas para cansalo axiña. Entre pisaduras e golpes polo medio dos demais animais, co perigo que isto implica, acábase vencendo a besta ou o cabalo.

A mestura entre bravura e maña dos homes apeitando reflicte como puido ser antano o amansamento destes animais.

Miguel Calvo