Baixa das bestas da Amil

baixa1A fin de semana seguinte ó 8 de xullo

Atrás queda o século XVIII, cando os apeitadores baixaban as bestas e os cabalos ós currais das aldeas da Amil para amansalos. Atrás quedan tamén o uso agrícola e de montura que se facía dos cabalos. Hoxe son un elemento de sostibilidade no monte Acibal, onde sobreviven a pesar dos contratempos.

Na Baixa das Bestas, que sempre ten lugar o domingo seguinte ó 8 de xullo, podes pasa-la fin de semana rodeado destes animais únicos e gozar da natureza en pleno corazón do monte Acibal. Podes pasear, ver vestixios da idade de Bronce, como a estatua menhir Cara de San Pedro, e admira-la bravura e a maña dos apeitadores cando xuntan, montan, arrocan e marcan as bestas e os cabalos.

A Asociación Cabalar Monte Acibal, coa celebración da Baixa das Bestas da Amil, intenta sociabiliza-las bestas e os cabalos, para que non se perda este animal salvaxe que pace todo o ano ceibo no monte Acibal, e preservar así a diversidade do noso monte como elemento enriquecedor.