I FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA DE MORAÑA

24 de setembro de 2005

A Asociación Cultural Banda de Música Nova Lira de Moraña e os propios músicos da banda xermolaron a idea deste festival, que foi ben acollida e apoiada polo Concello de Moraña.

Este evento quixo ser a oposta decidida por impulsar a ilusión dos rapaces e mozos músicos, o traballo duns e doutros; quixo ser tamén a aposta por esta expresión cultural, a das bandas de música, de longa tradición no concello de Moraña, para que colla novas forzas e continúe no tempo sempre.

novaliraweb02

Para esta primeira edición, a Nova Lira contou coa presenza e co acompañamento de bandas amigas e veciñas. Neste primeiro Festival de Bandas de Música de Moraña convidamos á Banda de Música Xuvenil de Barro e mais á Unión Cultural de Campo Lameiro, ás que lles agradecemos desde esta páxina web a súa participación.

A banda anfitrioa, a Nova Lira de Moraña, con don Luís Manuel Montáns Fariña, Manel, á batuta, presentou en concerto: Pepita Greus, de Pascual Pérez Choví; Pacis Valley , de Ben Haemhouts e Rapsodia galega, de Enrique Parada Rey.

Rematadas as actuacións das bandas, procedeuse á entrega de agasallos ás bandas en recordo da súa participación no festival.

Ó final, as tres bandas desfilaron ata diante da casa do concello e alí, as tres xuntas, interpretáronnos o Himno Galego.

Coa organización deste primeiro certame, a Nova Lira de Moraña entrou de cheo no circuíto de festivais destas características. Desexamos que en próximas edicións se amplíe o cartel e que, en calquera caso, xamais se deixe de celebrar, porque será sempre unha boa ocasión para que Moraña se encha de boa música, de cultura musical ó vivo.

En definitiva, este festival foi a oportunidade que tivemos os veciños e amigos dos músicos de aplaudirlles o seu esforzo e de animalos para que non deixen de facer cultura.